Skip to content

O primeiro ou último faro

Illas Sisargas

Aínda que os veciños de Malpica sempre se refiren ao arquipélago como “a illa” en singular, as Sisargas están formadas por tres illas independentes. Son a Grande, a Chica e a Malante rodeadas de varios illotes circundantes como o Chalreu, o Xoceiro ou o Magnánimo,

chamado así polo naufraxio dun navío do mesmo nome.

Desde o pequeno embarcadoiro da Sisarga Grande parte un carreiro duns 2 quilómetros ata o faro. Pola súa situación, o faro das Sisargas é o primeiro da Costa da Morte, ou o último, se a singradura vai cara ao norte. Construído en 1853, do mesmo xeito que o faro de cabo Fisterra, é un dos faros máis antigos da Costa da Morte. A súa historia está ligada á doutro naufraxio, o do vapor inglés R.M.S. Solway (08/04/1843), nos próximos baixos de Baldaio. Tras a traxedia, armadores e goberno británico criticaron duramente a falta de axudas á navegación na Coruña xa que o único faro que existía por entón era a Torre de Hércules e optaron por Vigo como porto de aprovisionamento nas súas travesías.

Entre 1912-1915 realizouse unha ampla remodelación do faro. Moito despois, ata antes da súa automatización en 2002, os fareiros vivían aquí en quendas de 10 ou 15 días, a non ser que os temporais atrasasen a súa volta a terra firme. Ademais da sinal lumínica, contaba cunha potente sirena para os días de néboa que, cada quince segundos emitía un son de dous segundos.

Ademais da vila mariñeira de Malpica, unha das mellores atalaias naturais sobre o arquipélago é o cabo de Santo Hadrián.

Tara, historia local do salvamento marítimo.

Nos 80-90 do s. XX, nos operativos de salvamento participaban persoal e voluntarios da Cruz Vermella do Mar. Contaban con bases operativas na Coruña (lancha Blanca Quiroga), Malpica (Tara), Laxe (Taín) e Fisterra (Ara Solis). Ademais, como unidade vinculada ao Exército, moitos mozos realizaban na Cruz Vermella tanto o servizo militar como o servizo sustitutorio por obxección de conciencia.

Na actualidade, os servizos de salvamento están profesionalizados, con técnicos de alta preparación e equipos moito máis eficientes e con maior radio de acción. Mantéñense embarcacións en Malpica, Laxe e Fisterra, aínda que as bases non teñen as mesmas funcións.

GALERÍA

LOCALIZACIÓN