Skip to content

Rytterholm

  1. Nome: Rytterholm
  2. Tipo de barco: carga xeral
  3. Bandeira: Noruega
  4. Data afundimento: 12 de decembro 1976
  5. Causa: pérdida de estabilidade, corremento da carga
  6. Lugar: San Amaro, A Coruña
  7. Nivel de mergullo: alto
  8. Territorio GALP: Golfo Ártabro

HISTORIA

O barco de “El chino”

O Rytterholm era un buque de ponte central con catro adegas, tres a proa e unha a popa. Dirixíase desde Noruega cara a Bangkok (Tailandia) con 9.713 toneladas de abonos e fertilizantes en sacos.

Á 1 da madrugada do día 12, no medio dun temporal, emitiu unha mensaxe comunicando sufrir un corremento de carga. Dadas as condicións de visibilidade e o estado da mar, decidiuse esperar a que se fixese de día para non correr riscos. Ás 7 e media, un novo golpe de mar provocoulle un novo corremento chegando a escora aos 40º e aumentando.

Para entón atopábanse na zona dous pesqueiros, a embarcación da Cruz Vermella do Mar, Branca Quiroga, ademais da embarcación dos prácticos. Os remolcadores do porto chegaron ás 9 menos cuarto, pero calquera intento por rescatar o buque era xa inútil. O envorco era inminente.

A perda era xa irreversible e desde as embarcacións de socorro animábase aos tripulantes do mercante a que se lanzasen á auga para ser recolleitos. A única vítima foi o cociñeiro do barco. De nacionalidade chinesa, idade avanzada e, ao parecer, moi corpulento, negouse en redondo a abandonar o buque. Encerrouse na súa cociña onde desapareceu xunto co buque ás 9.30 da mañá. Poucos días despois apareceu o seu cadáver flotando nas proximidades da punta do Seixo Branco e, paradoxalmente, a súa morte serviu para bautizar o naufraxio xa que este pecio coñécese popularmente como “o barco do chinés” entre os pescadores e mergulladores que o frecuentan.

Os restos do Rytterholm foron obxecto de varios traballos de despezamento, centrados na recuperación das partes máis rendibles do mesmo. As partes extraídas limítanse aos puntais de carga, o eixo do motor, a hélice e determinadas partes da máquina.

GALERÍA

LOCALIZACIÓN