Skip to content

CARTAS NÁUTICAS DE PEPE DE OLEGARIO

FISTERRA

José López Redonda, Pepe de Olegario, nacido en Sardiñeiro en 1941, é un dos nomes propios da navegación marítima de Fisterra. Ata a súa xubilación faenou buscando mero en alta mar navegando ata o cabo de San Vicente (Portugal) e tras estas singraduras, combinadas coa súa inquietude, un investimento constante en novos aparellos de navegación e a comunicación con outros compañeiros que o informaban de redes “enganchadas en cascos”, foi dando forma ás súas cartas náuticas de toda a costa galega. Nelas, todas escritas e debuxadas a man con gran detalle e coidado, documenta centos de pecios e historias de sucesos marítimos.

Desde a súa inauguración en 2020, o Parador Nacional da Costa da Morte (praia de Lourido, Muxía) conta cunha mostra permanente das cartas náuticas de Pepe de Olegario, así como de dous mapas exclusivos que documentan a catástrofe do Prestige fronte á considerada zona 0 da catástrofe. As cartas pódense ver na segunda planta, de camiño á cafetería do establecemento (3ª planta). Os seus mapas tamén foron protagonistas dunha exposición propia e puidéronse ver no faro de cabo Vilán ou no Museo Naval de Madrid. Actualmente, poden adquirirse nunha tenda de artesanía de Cee .

A construción do Parador Nacional da Costa da Morte foi unha das grandes infraestruturas do s. XXI motivada polo desastre marítimo do Prestige. De feito, Muxía está considerada a zona 0.

Pesca con palangre en pecios. Os pecios convértense en refuxios naturais para peces, crustáceos ou invertebrados. Son pequenos caladoiros de pesca moi apreciados nos que só se pode capturar con palangre porque, como avisaban a Pepe de Olegario, as redes “engánchanse nos cascos” dos barcos.

GALERÍA

LOCALIZACIÓN