Skip to content

MAGNÁNIMO

  1. Nome: Magnánimo
  2. Tipo de barco: militar, navío
  3. Bandeira: Española
  4. Data afundimento: 13 de xullo de 1794
  5. Causa: embarrancado, néboa
  6. Lugar: illote Magnánimo, illas Sisargas
  7. Nivel de mergullo: avanzado
  8. Territorio GALP: Costa da Morte

HISTORIA

O naufraxio que deu nome ao illote das Sisargas

Propiedade da Armada española, a súa advocación relixiosa era San Justo e San Pastor. Foi construído en 1754 en Ferrol baixo a dirección do enxeñeiro naval Guillermo Turner, seguindo o sistema inglés e segundo os planos de Jorge Juan. Era un navío de guerra de dúas cubertas e pertencía á clase Doce apóstoles, con 74 cañóns. Tras o naufraxio, o Magnánimo deu nome ao illote das Sisargas (Malpica, A Coruña) onde embarrancou.

Desde facía tres días, unha espesa néboa borraba as costas galegas á vista dos navegantes. Ante o perigo que representaba nestes casos a proximidade á costa, os buques pretendían separarse o máximo posible.

Desde o buque insignia, o San Fernando, disparábanse canonazos de forma intermitente para marcar a posición ao resto da frota que ía na retagarda. O Magnánimo seguía na liña ao almirante non querendo perder a súa posición.

O vento estaba practicamente en calma e os buques non avanzaban máis dunha milla horaria. Á noitiña do día 12, separáronse ambos os navíos con obxecto de evitar un posible choque. Nisto estaban cando á unha da madrugada un forte golpe espertou ao comandante, Ramón Topete, e ao resto da tripulación que se atopaba fóra de servizo.

A néboa era tan densa que nun primeiro momento pensouse que podían abordar a outro buque da escuadra. A repetición dos choques deixou claro que encallaran nalgún punto da costa.

Inmediatamente tomáronse as medidas oportunas; aferrouse o aparello, disparáronse canonazos e foguetes de aviso para evitar que o resto dos barcos que o seguían corresen a mesma sorte. Ao mesmo tempo se arriaron as embarcacións auxiliares á auga para sondar e facer un recoñecemento da posición. A conclusión foi clara: o Magnánimo atopábase literalmente encaixonado entre pedras.

Estaban rodeados de rocas que emerxían do mar e que, en poucos momentos, abriron varias vías de auga chegando a asolagar ata a cuberta da segunda batería. A perda era completa, polo que só quedaba por facer o salvamento da xente que xa se reuniu en cuberta á espera de ordes. Ao comprender que se atopaban nas illas Sisargas, decidiuse trasladar alí primeiro aos enfermos e logo a todos os que non fosen necesarios a bordo.

Unha vítima entre case 600 tripulantes

Á mañá seguinte, o 13 de xullo de 1794, continuaba a néboa con igual densidade; a visibilidade era inferior a unha milla. A tripulación consistente nuns 560 homes achábase xa a salvo na illa aínda que houbo que lamentar a perda dun soldado de infantería de mariña que pereceu afogado.

Aínda que exhausta, sen auga nin comida, estibadas na parte mergullada do navío, a tripulación estaba dedicada ao duro traballo de salvar todo o posible do buque. Continuaban disparando canonazos en sinal de axuda, pero era difícil que o resto da frota se fixese unha idea exacta da súa situación.

Recibir axuda era improbable en tales circunstancias. Ademais, ningún dos comandantes arriscaría o seu buque no medio da néboa entre os cantís.

Tras o naufraxio, procedeuse ao salvamento de parte dos pertrechos e da artillería, formada por 74 canóns de 24, 18 e 8 libras. Posiblemente, o Magnánimo estaba forrado en cobre.

En 1970 hai constancia de que se extraeron varias pezas de artillería do pecio.

Dous navíos de dúas pontes españoles anteriores a 1785, similares ao Magnánimo.
Navío español de 74 cañóns, de Agustín Berlinguero.

GALERÍA

LOCALIZACIÓN