Skip to content

HORATIO

  1. Nome: Horatio
  2. Tipo de barco: mercante, vapor
  3. Bandeira: Reino Unido
  4. Data afundimento: 1 de xuño de 1904
  5. Causa: embarrancado
  6. Lugar: baixos de O Xorexo (Muros)
  7. Nivel de mergullo: básico
  8. Territorio GALP: Ría de Muros-Noia

HISTORIA

O (suposto) contrabando do Horatio

O vapor inglés Horatio entrou por erro na ría de Muros-Noia cando se dirixía a Corcubión a cargar carbón. O oficial confundiu o monte Louro co cabo Fisterra e, por descoñecemento da zona, rozou nos baixos da Mixiela ou de Os Meixidos. Era o 20 de abril de 1904 e despois dun mes e dez días varado no baixo de O Xorexo coa adega de proa asolagada e inclinado sobre o costado de babor, carabineiros defendendo a carga e homes contratados sacándoa do buque para alixeirar peso, acabou a súa travesía nesta parte do Atlántico.

O 31 de maio de 1904 o buque sufriu as consecuencias dun forte temporal que agravou os danos, partíndose polo terzo de proa e afundíndose ao día seguinte. O Horatio foise a pique no baixo do Xorexo que, desde entón, os mariñeiros da ría chaman “o baixo do vapor”. Non houbo vítimas entre a tripulación.

O cargamento oficial era trigo, millo, cebada, cortiza, fariña (2.000 T), linaza e madeiras finas (600 T), pero varios indicios apuntan a que o Horatio era, en realidade, un buque contrabandista.

Supostamente, o Horatio transportaba un cargamento de armas procedente de Odessa (hoxe cidade de Ucraína e entón, rusa) vía Hull, onde fora adquirido para ser vendido a Xapón, enfrontado con Rusia polo conflito de Manchuria.

En 1905, os restos do Horatio foron adquiridos pola compañía Juan Barbeito, que procedeu ao despezamento do cobre e do metal. A finais dos anos cincuenta, a empresa de Antonio Lestón Pardiñas fixo unha prospección no pecio, pero como as placas metálicas non eran de boa calidade, deixáronas. Unha placa da caldeira do Horatio pode verse no Museo Marea de Porto do Son.

Documentación realizada por Marcial de Martín Vázquez en colaboración co centro de mergullo Mergullo Compostela.

 

Situación do baixo do Xorexo
Telegrama remitido polo axudante de Mariña, Luis Cadarso, ao Excmo Sr. Capitán Xeral da Marina do departamento de Ferrol
“Lo que tengo el honor de manifestar a V.E.
Puerto del Son 20 de abril de 1904
En telegrama de hoy tengo el honor de decir a V.E. lo siguiente:
“Vapor varado bajo Chorexo. Es el inglés Horatio. Matrícula Hull, con cargamento trigo y madera que se dirigía a Corcubión equivocando entrada. Tiene anegada bodega proa. Se espera pleamar para intentar salvamento. Difícil.“

GALERÍA

LOCALIZACIÓN