Skip to content

HMS Serpent

  1. Nombre: H.M.S. Serpent
  2. Tipo de barco: militar, cruceiro de terceira clase (lixeiro)
  3. Bandeira: Británica
  4. Data afundimento: 10 de novembro de 1890
  5. Causa: embarrancado, temporal
  6. Lugar: punta de Boi, enseada de Trece (Camariñas)
  7. Nivel de mergullo: avanzado
  8. Territorio GALP: Costa da Morte

HISTORIA

O naufraxio que cambiou a seguridade marítima mundial

O do Serpent está considerado un dos naufraxios máis simbólicos de todos os rexistrados na Costa da Morte, pola circunstancias do suceso e porque as vítimas eran, na súa maioría, cadetes.

O buque escola H.M.S. Serpent embarrancou de noite nos baixos de punta de Boi (Camariñas), no medio dun temporal do suroeste con moi mala visibilidade. Durante moitos días, os cadáveres de 173 tripulantes, só tres persoas resultaron con vida, foron depositados polo mar, mutilados, na praia de Trece. A día de hoxe, aínda son lembrados e homenaxeados nas súas tumbas do coñecido como Cemiterio dos Ingleses. O barco foi parcialmente despezado e foi obxecto de espolio arqueolóxico.

Durante anos, os barcos ingleses que pasaban pola zona homenaxeaban ás vítimas con salvas e coroas de flores. En terra, cada 10 de novembro, a Real Liga Naval Española, en colaboración co Concello de Camariñas, tamén organiza actos conmemorativos neste lugar de gran beleza natural, pero nefasto para a navegación marítima..

O naufraxio ocorreu a noite do 10 de novembro de 1890 cando o Serpent realizaba un tránsito desde a metrópole á ”West Africa Station”, que comprendía desde Serra Leona ata o cabo de Boa Esperanza. A súa misión alí sería mostrar o pavillón nunhas costas cobizadas polas potencias europeas.

Este buque da Royal Navy partira do porto de Plymouth, na costa suroeste de Inglaterra, dous días antes para relevar ao seu xemelgo Archer, pero a súa travesía viuse truncada polas malas condicións meteorolóxicas, as fortes correntes mariñas e, segundo ditaminaron as autoridades inglesas tras a investigación pertinente, por un erro de navegación. Estes tres foron os factores que provocaron o seu embarrancamento nos baixos de punta de Boi, a 250 metros da costa.

Só tres dos 175 tripulantes, Frederik Gould, Edwin Burton e Onesiphorus Luxon, que se puxeron os chalecos de cortiza, conseguiron chegar vivos a terra, moi malferidos, aínda que foron capaces de camiñar ata a próxima aldea de Xaviña para pedir auxilio. Os salvavidas aínda non eran de uso xeral e o Serpent só contaba con 25.

O buque foi adquirido por Guyatt para achatarramento en xuño de 1891 pola cantidade de 4.200 pesetas, aínda que non se sabe se o adxudicatario foi o Goberno Británico ou a Administración Española. As tarefas de aproveitamento da chatarra continuaron ata pasada a metade do século XX.

Deseño inestable

O H.M.S. Serpent foi botado como cruceiro torpedero da clase Archer. Esta serie era un desenvolvemento da precedente clase Scout e, o mesmo que esta, tiña un esquema de protección moi limitado, aínda que si mellores artillados. Eran, con todo, demasiado lentos para atacar mediante torpedos, polo que pronto foron reclasificados como cruceiros de terceira clase tras a súa botadura.

Aínda que eran buques máis mariñeiros que os Scout, escoraban de maneira anormal en ocasións e eran moi húmidos con tempo duro. Non eran, particularmente, bos vapores aínda que a súa estreita maquinaria era moi fiable, o que explica a longa carreira das unidades sobreviventes e o seu éxito.

 

Toda a serie destes buques, como plataforma de artillería eran moi inestables, probablemente o seu armamento era demasiado pesado para o seu desprazamento.

Características do H.M.S. Serpent

Vapor de tripla expansión, 4500IHP. 1770 toneladas de desprazamento. 68.58 x 10.97 x 4.41m. Casco de aceiro.

Construído: 1888, Devonport Naval Dockyard – Plymouth Dockyard, Plymouth.

Armador: Royal Navy, Almirantazgo, Londres.

Capitán: H. L. Ross.

Roteiro: Devonport a Serra Leona vía Madeira.

Tripulación: 176. Vítimas: 173.

Armamento: 6 pezas de 6′, 8 de 3 libras, 5 TT de 14 polgadas.

Protexido pola Xunta de Galicia

O xacemento arqueolóxico do buque de guerra británico H.M.S. Serpent está incluído no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos Subacuáticos, da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.

Punto de inflexión

A historia da seguridade marítima está ligada de forma directa a este tráxico suceso marítimo. Seis anos despois do accidente, o faro de cabo Vilán adoptou a súa fisionomía e localización actual, converténdose no primeiro faro de España alimentado con enerxía eléctrica. Pasou a categoría de primeira orde -como o de Fisterra ou o das illas Sisargas-, conseguindo a súa luz as 60 millas (97 km) a 130 metros sobre o nivel do mar. Ademais, a Royal Navy xeneralizou o uso dos chalecos salvavidas en todos os seus barcos.

Outra das pegadas do Serpent en Camariñas é o barómetro colocado na fachada do número 3 da rúa Alcalde Noguera Patiño, mirando ao porto pesqueiro. Foi un dos agasallos da Mariña Real británica en agradecemento aos veciños polo auxilio prestado aos tres sobreviventes e polas labores de procura e rescate dos corpos das vítimas. O cura de Xaviña, que “enterrou aos protestantes”, recibiu unha escopeta e o alcalde, un reloxo.

Nos xardíns de San Carlos da Coruña tamén se pode ver unha placa en recordo dos falecidos.

GALERÍA

LOCALIZACIÓN