EESTACIÓN CARBONERA DE CORCUBIÓN
- Nome: Estación carbonera de Corcubión
- Tipo de barco: pontones
- Bandeira: España
- Data afundimento: principios s. XX
- Causa: varias
- Lugar: seno da ría de Corcubión
- Nivel de mergullo: básico
- Territorio GALP: Costa da Morte
HISTORIA
Os pontones do porto internacional de Corcubión
O establecemento da Compañía Xeral de Carbóns, propiedade do empresario Plácido Castro, no porto de Corcubión xurdiu por mor da necesidade de ofrecer un punto de reaprovisionamento para os buques de vapor que transitaban fronte ao cabo Fisterra.
En ocasións, os buques quedaban curtos de combustible, sobre todo se tiñan que facer fronte aos temporais, e precisaban de encher antes de alcanzar os seus destinos.
Á ría de Corcubión comezaron a arribar buques e, durante moitos anos, veríase moi concorrida de barcos de todas as nacionalidades. Pronto se instalarían aquí consulados de diferentes países, provisionistas, remolcadores e servizos á navegación, entre outros, creando unha puxante industria ao redor do tráfico marítimo.
Este discorrer de buques tivo con todo unha contrapartida. A perda de non poucas naves nos perigosos baixos que salpican o seo de Corcubión. Para evitar este risco establecéronse varios faros e balizas, ademais de situar prácticos que introducisen os buques na ría.
Industria puxante na ría
Unha vez no interior, os buques abarloábanse a pontones cargados de carbón. Eran na súa maioría vellos veleiros, xa sen uso como buques mercantes, reconvertidos en pontones ou almacéns flotantes de carbón. Outros, construídos exprofeso para este fin, deixan ben claro a puxanza desta industria na ría.
Co paso do tempo, varios destes pontones afundíronse e algúns foron descubertos nos últimos anos por mergulladores e estudados nas campañas arqueolóxicas que veñen realizando na ría.
GALERÍA