Capitana de la Saane
- Nome: Capitana de La Saane
- Tipo de barco: militar, buque de guerra
- Bandeira: España
- Data afundimento: 25 de Xullo de 1543
- Causa: batalla naval
- Lugar: inmediacións do monte Louro, ría de Muros. Por localizar
- Nivel de mergullo: –
- Territorio GALP: Ría de Muros-Noia
HISTORIA
A Saane, Álvaro de Bazán e a Batalla de Muros de 1543
A Capitana da Saane era un barco de guerra francés pertencente á frota de Alabardes dirixida polo xeneral De Saane. Denomínase “capitana” ao barco onde reside o mando da frota e onde se atopa o comandante. A súa carga estaba composta por pertrechos bélicos e, posiblemente, o botín que a frota conseguira nos portos que atacara.
Naqueles días, o xeneral francés Jean de Clamorgan, señor da Saane, negociaba cos veciños da vila de Muros un elevado rescate baixo a ameaza de saquear a localidade como fixera en Laxe, Fisterra e Corcubión. Clamorgan, considerado o mellor mariño francés da época, esixía 12.000 ducados presionando cos seus navíos presentes na baía de Muros, mostrando un comportamento máis propio da piratería que dun soldado.
No medio das negociacións, o 25 de xullo, o día do Apóstolo Santiago, chegou á ría a frota española que dirixía Álvaro de Bazán, o vello. A armada estaba composta só por 16 navíos. Enervado ante as intencións de Jean de Clamorgan, Álvaro de Bazán arengou aos seus soldados cunha soada frase: “Señores! España non pode perder unha batalla en tan sinalado día! Sen reforzos e en inferioridade numérica, baterémonos e gañaremos!”.
Bazán abordou coa proa do seu barco á capitana dos franceses. Tras a abordaxe, a capitana inimiga foise a pique e o barco de Álvaro de Bazán sufriu importantes danos e a perda de 100 homes. Tras dúas horas de batalla rendéronse 23 navíos franceses e tan só un logrou escapar, aínda que maltreito, co pau maior partido en dous tras ser alcanzado por un disparo de canón.
Na contenda máis de tres mil franceses foron tomados como prisioneiros, mentres que na frota española contáronse 300 baixas e medio milleiro de feridos.
O brazo de San Guillermo
Álvaro de Bazán lamentou que, co afundimento da capitana francesa, tamén se ía ao fondo do mar a maior parte do botín que os franceses obtiveran nos saqueos de Laxe, Fisterra e Corcubión, Seguramente, entre os tesouros atopábase a venerada reliquia do brazo de San Guillermo de Fisterra no seu relicario de prata, así que Álvaro de Bazán xa non podería gañarse o favor do santo devolvéndoo á igrexa de Santa María dás Areas.
A Batalla de Muros de 1543 pasou á historia por ser a primeira batalla moderna do Atlántico. Nela tamén estivo presente o fillo de don Álvaro, Álvaro de Bazán, a quen se lle coñecerá máis adiante como o Marqués de Santa Cruz e que pronto se convertería no mellor almirante da Armada Española de todos os tempos.
Pola súa banda, Jean de Clamorgan, señor da Saane, retirouse para sempre ás súas posesións, onde escribiu un libro sobre a caza do lobo, un fin que podería cualificarse como ridículo para quen fora o mellor mariño da frota francesa.
Hoxe en día, A Capitana de Jean de Clamorgan segue no fondo do mar e, presumiblemente, co brazo de San Guillermo no seu interior, no seu relicario de prata. Descoñécese a súa situación e estado.
GALERÍA