Skip to content

Ariete - D36

  1. Nome: Ariete – D36
  2. Tipo de barco: militar, fragata
  3. Bandeira: España
  4. Data afundimento: 26 de febreiro de 1966
  5. Causa: avaría mecánica, embarrancado por mor do temporal
  6. Lugar: praia de Ardeleiro, Lira (Carnota). Por localizar
  7. Nivel de mergullo:
  8. Territorio GALP: Costa da Morte

HISTORIA

Heroico salvamento da tripulación da fragata Ariete

O Ariete – D36 era unha fragata militar rápida antisubmarina de tres canóns de 105 mm, catro de 37 mm, oito de 20 mm e seis tubos lanzatorpedos. Construíuse en 1955 en Ferrol, nos estaleiros da empresa nacional Bazán.

O barco cubría o roteiro desde a cidade departamental a Cartaxena baixo o mando do comandante Francisco Carrero Ruiz cando un forte temporal causou unha avaría mecánica deixándoo á deriva e finalmente, embarrancado ás dez da noite xunto á praia de Ardeleiro (Lira, Carnota).

Non houbo baixas

Os 168 tripulantes lograron salvarse grazas á súa pericia, enxeño e á axuda dos veciños de Carnota. Segundo o testemuño de Manuel Noya García, catedrático de Neuroloxía da USC en “Breve nota sobre o salvamento do Ariete”, exposto no cercano faro de Lariño e hoxe convertido en establecemento hostaleiro, a tripulación tendeu un calabrote entre a base dunha metralladora e unha roca en terra. De dous en dous, os mariños deslizáronse durante horas sobre unha cadeira metálica no medio da forte ondada, pero algúns caeron ao mar sendo rescatados polos veciños de Carnota que formaron cadeas humanas para sacalos da auga. Na última viaxe chegou o capitán do barco.

Os mariños foron atendidos de hipotermina e pequenas feridas en casas particulares e, despois, trasladados ao Hospital Naval de Marín. “Non detectei en ningún dos náufragos que asistín crises de ansiedade ou estados emocionais anormais (…) Anos despois, sigo sentíndome impresionado pola imaxe daqueles homes que mostraron tanta serenidade, disciplina e compañeirismo nunhas circunstancias tan perigosas”, sinalaba Noya García.

O heroico comportamento dos veciños lles valdrián a 67 deles a Cruz do Mérito Civil e a concesión do título de “Moi humanitario” ao Concello de Carnota.

Como recordo da fazaña, a áncora do acoirazado –que foi despezado tras o naufraxio- exhíbese na praia de Ardeleiro. Moi preto, xunto ao santuario da Virxe dos Remedios, atópase o monólito colocado en 2006 en recordo do suceso.

Tamén moitos negocios locais levan o nome do Ariete.

GALERÍA

LOCALIZACIÓN