Skip to content

Miradoiros de Santa Irene, Vilela e porto de Razo

Baixos de Baldaio

Desde estes tres puntos hai unhas excelentes vistas dos coñecidos como baixos de Baldaio, uns fondos rochosos considerados un cemiterio de barcos por ser un perigo para a navegación marítima. Apenas dúas pedras velan sobre a superficie. Con mar en calma son moi difíciles de ver e máis en días de néboa. Con algo de mar ou temporal, identifícase facilmente como as ondas rompen a pouca distancia da costa.

Nesta zona localizáronse os pecios do Solway e do Tunstall,

cuxos naufraxios relatamos aquí. Os fortes temporais dalgún inverno tamén deixaron restos de barcos na bocana da ría de Baldaio.

Desde terra, os baixos poden situarse entre a lagoa de Baldaio e o cordón dunar, a medio camiño entre os portos de Malpica e Caión (A Laracha), desde onde hai uns 20 minutos de navegación (5 millas náuticas). É un lugar moi rico en pesca.

Rede Natura 2000. O espazo natural Razo-Baldaio está considerado de gran valor ecolóxico e un dos máis fermosos e importantes de Galicia. Está integrado en zona LIC Costa da Morte – Rede Natura 2000 e é Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA). É unha gran visita!

GALERÍA

LOCALIZACIÓN